un ceo para un tomate
o loito por un animal
14 de marzo
sei que vou chorar escribindo isto. luns morreu Cherry, a miña cadela de trece anos. coma sempre, a morte non é como se espera. imaxinaba unha liña temporal onde vexo como se vai cansando, como empezan a aparecer achaques da idade e como un día di adeus. pero Cherry, á súa idade, seguía identificándose cunha cabra. tiña unha forza impresionante para ser tan pequena e tan maior. ás veces non quería saír pasear porque prefería quedar roendo ósos pero cando a convencías saía correndo e eu, arrastrada.
o luns fun poñer unha lavadora e estrañoume que non me viñera saudar. pensei que estaría durmindo. e así a atopei. os días seguintes, esa imaxe non deixou de taladrarme a memoria. aínda teño que esforzarme agora por reproducir outras cousas. entro en tiktok e algo axuda.
penso no que puiden facer e non fixen, penso en que podería ter sido mellor. pero penso en como María Jesús (como a alcumaba cariñosamente) me miraba e como se emocionaba ao verme e si que se me pasa un pouco.
a Cherry gustáballe roer ósos, comer caca e os homes. ou metíanlle medo. imaxino un ceo para ela así. as que me ledes, sabedes da miña obsesión coa morte e co máis alá. o martes, tiven que baixar o volume de todo porque a escoitei ladrar. aínda non baixei poñer outra lavadora.
o dó por un animal é solitario. ao día seguinte, moitas persoas xa esquecen que estás pasando por el. o mércores vin a un amigo que me preguntou “que tal todo a pesar dos últimos acontecementos?” que lembrara iso e o tivera en conta, significou moito para min.
nada, que que mal, María Jesús.
19 de marzo
non sabía como acabar isto. este luns, unha semana despois, conseguín volver baixar, aínda que me puxo moi triste que non viñera saudar e se me subira ás pernas demandando mimos. onte soñei que todo era mentira e que, simplemente, Cherry estaba agochada entre as verduras.




Cherry, estou segure, segue agochade nas verduras, pero agora é ela quen te observa a ti caladiña e non ao revés 🫂. Canto cho sinto, mil apertas.